---
canonical_url: "https://globatium.com/contenido/2436/cantareira-palabra-do-ano-2024"
title: "‘Cantareira’, Palabra do Ano 2024"
article_type: "NewsArticle"
description: "· A votación popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié rematou coa elección da voz que designa as protagonistas das Letras Galegas 2025, unha celebración que recoñecerá o papel feminino na creación e transmisión da poesía popular oral e da lingua · O público decantouse maioritariamente por palabras patrimoniais, con ‘meu, miña’, ‘fala’ e"
main_image: "https://globatium.com/download/multimedia.normal.8458ec94ab09ddca.bm9ybWFsLndlYnA%3D.webp"
date_published: "2024-12-29T18:21:00+01:00"
date_modified: "2026-11-02T07:24:15+01:00"
tags:
  - "Letras Galegas"
  - "Lingua Galega"
  - "Música"
author_name: "Redacción"
author_url: "https://globatium.com/usuario/2/redaccion"
author_bio: "Equipo de redactores del periódico Globatium"
author_social_links:
  - "https://www.facebook.com/globatium.news/"
category_name: "Cultura"
category_url: "https://globatium.com/categoria/9/cultura"
---

# ‘Cantareira’, Palabra do Ano 2024

![20241227-Cantareira-3200x1800-PalabradoAno](/download/multimedia.normal.8458ec94ab09ddca.bm9ybWFsLndlYnA%3D.webp)

· **A votación popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié rematou coa elección da voz que designa as protagonistas das Letras Galegas 2025, unha celebración que recoñecerá o papel feminino na creación e transmisión da poesía popular oral e da lingua**

· **O público decantouse maioritariamente por palabras patrimoniais, con ‘meu, miña’, ‘fala’ e ‘aparvar(se)’ como seguintes propostas máis votadas**

**A Coruña, venres 27 de decembro de 2024.-** A Palabra do Ano 2024 soa a poesía e música, a gana de compartir bos momentos, a voz feminina e colectiva, a lingua propia. [**Cantareira**](https://portaldaspalabras.gal/dicionario/procura/cantareira/) impúxose na votación popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do [Portal das Palabras](https://portaldaspalabras.gal/palabradoano/), nunha chamada colectiva a ollar con ilusión cara ao futuro cando está a piques de comezar un novo período de doce meses no Galicia enteira lles ha render homenaxe ás mulleres que ao longo dos séculos mantiveron vivo, transmitiron e arrequeceron o cancioneiro popular e o idioma do país.

A palabra **cantareira(s)** designa as protagonistas do Día das Letras Galegas 2025, festa que a Real Academia Galega dedicará á poesía popular oral e ás mulleres que cantan e crean cantigas. O anuncio o pasado mes de xullo desta decisión acadou unha enorme repercusión social, seguramente sen precedentes, que amosa o recoñecemento da súa contribución á creación e á conservación dun tesouro patrimonial colectivo, no que poesía e música son dúas partes indisolubles. Mais a acollida desta elección tamén apela ás novas xeracións de intérpretes e creadoras e creadores que beben deste herdo dun pobo que segue a cantar en galego, e que atopa nesta forma de expresión unha maneira contemporánea e vivificadora de proxectar no mundo toda a súa creatividade e potencia cultural, que ten como cerna a lingua galega.

A celebración do vindeiro 17 de maio personificarase nas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e en tres das cinco Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños), Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, por seren as que faleceron hai máis dunha década. As tocadoras de Cerceda e Malpica foron parte das 600 persoas informantes do *Cancioneiro popular galego* publicado nos anos 80 do século pasado pola musicóloga Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico Antón Santamarina, que recolle dende cantos de labor, de Nadal e Reis ou arrolos ata parrafeos, regueifas e romances, todos eles vivos aínda na memoria de mulleres e homes que medraran nunha sociedade tradicional. A investigadora suíza, tras pasar uns meses en Andalucía e o País Valencià, chegou a Galicia en 1978 á procura de melodías arcaicas. O que atopou abraiouna de tal maneira que ficou ata 1986 gravando cantos en aldeas de oitenta e oito concellos, para o que contou co apoio económico fundamental dunha bolsa de Fundación Barrié, entidade que se ocupou ademais da edición da obra.

**Voces patrimoniais con usos novos e de sempre**

Na primeira acepción do dicionario da RAG, **cantareiro, -a** define a persoa que sabe cantar ou afeccionada a facelo e ten como sinónimos *cantadeiro, -a, cantador, -a* e *cantaruxeiro, -a*. Como adxectivo, esta voz ten unha segunda acepción similar, “que emite un son agradable e melodioso”, pero a Palabra do Ano 2024 refírese á forma substantivada **cantareira**, que se aplica á muller que canta cantigas populares. O termo créase en todos os casos sobre o verbo *cantar*, que procede do equivalente latino*cantare*.

**Cantareira**, co 25 % dos votos, foi a palabra que obtivo máis apoios das persoas participantes nunha elección na que o público se decantou maioritariamente polas opcións patrimoniais. A segunda opción máis elixida foi **meu, miña**, outra proposta que remite á oralidade e que apareceu entre as finalistas como alternativa de noso ao anglicismo *bro, apócope de *brother* (irmán). Este posesivo, no seu uso en vocativos ou exclamacións, acadou arredor do 23 % dos votos, cunha lixeira vantaxe sobre [**fala**](https://academia.gal/dicionario/-/termo/busca/fala),que figurouentre as finalistasna segunda opción que recolle o Dicionario, “lingua natural propia dunha comunidade humana”.Cun resultado moi próximo obtivo a cuarta posición [**aparvar(se)**,](https://academia.gal/dicionario/-/termo/aparvar) vocábulo tradicional para se referir á preocupación polos efectos do consumo excesivo de contidos nas redes sociais. En quinto e sexto lugar quedaron [**dina**](https://portaldaspalabras.gal/lexico/mira-que-din/dina/), substantivo formado a partir do acrónimo da locución *depresión illada en niveis altos*, e o sintagma nominal *emerxencia climática*, respectivamente.

**Un portal e unha aplicación para xogar coa lingua**

O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas [cibercarracho](https://portaldaspalabras.gal/cibercarracho-a-palabra-do-ano-2023/) (2023) [comadre](https://portaldaspalabras.gal/comadre-palabra-do-ano-2022/) (2022), [tanxugueiras](https://portaldaspalabras.gal/tanxugueiras-palabra-do-ano-2021/) (2021), [nós](https://portaldaspalabras.gal/nos-palabra-do-ano-2020/) (2020), [sentidiño](https://portaldaspalabras.gal/lexico/mira-que-din/sentidino/) (2019), [deseucaliptización](https://portaldaspalabras.gal/lexico/mira-que-din/deseucaliptizacion/) (2018), [afouteza](https://portaldaspalabras.gal/lexico/mira-que-din/afouteza/) (2017), [irmandade](http://portaldaspalabras.gal/lexico/mira-que-din/irmandade/) (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, [refuxiado, -a](https://portaldaspalabras.gal/refuxiado-palabra-do-ano-2015/) (2015) e [corrupción](https://portaldaspalabras.gal/lexico/mira-que-din/corrupcion/) (2014).

Dentro das iniciativas compartidas para a difusión da lingua, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié, ademais do Portal das Palabras ofrecen ao público o Ximnasio Léxico, unha aplicación de xogos do Dicionario, dispoñible para dispositivos [Android](https://play.google.com/store/apps/details?id=gal.academia.ximnasiolexico) e [iOS](https://apps.apple.com/es/app/ximnasio-l%C3%A9xico/id6450022188?platform=iphone).

---

*Contenido creado y optimizado para IA con [Medios CMS](https://medios.io)* — Plataforma profesional para la gestión de medios digitales y portales de noticias.
